sexta-feira, 26 de agosto de 2011

Contra o capital, dignidade e contundência


Galiza - Batalha de ideias

Sexta, 19 Agosto 2011 11:31
190811_iemenreutersAdiante - O Capital é veloz. Permanece alerta. Permanentemente mobilizado. A esquerda real, transformadora, pola contra, semella desmantelada. Adurmiñada na queda do socialismo real aínda, sen capacidade de artellamento posíbel. O espontáneo sobreborda con moito a capacidade de reacción das organizacións que defenden a bandeira vermella do proxecto emancipatorio mundial. Demóstrase a tese: o movemento precede sempre á organización, e non á inversa. E a organización é aínda, se nós queremos só temporalmente, incapaz de dirixir a disidencia con forza contra as múltiples cabezas do monstro: a dependencia colonial, a opresión patriarcal e a explotación da man de obra asalariada. Nos suburbios de Londres, como antano en París, os disturbios lamben a cidade, e a barricada é a estampa visíbel de que a mocidade existe e está excluída dos centros de decisión da economía. O lume da disidencia traspasa as fronteiras das cidades da Gran Bretaña.

A serie de medidas antipopulares dos gabinetes de Zapatero e Feijoo, da reforma do mercado de traballo á lei de Familia, do socavamento dos dereitos conquistados pola colectividade obreira ao afondamento das estruturas de dominación heteropatriarcal, fican sen resposta. Sen a nosa resposta, evidentemente. A Unión Europea, e moitos outros organismos do neoliberalismo internacional xa se manifestaron oportunamente. "España comprometeuse con medidas amplas. España avanzou de xeito importante nas áreas de consolidación fiscal, a reestruturación do sector bancario, a reforma das pensións e as reformas laborais (...) pero, aínda que moitas das reformas xa están en curso, ao igual que no caso de Italia, a implementación contundente é primordial”, segundo as palabras de Olli Rehn, comisario europeo de Asuntos Económicos.
Ao tempo, o corpo enteiro da clase traballadora esgázase. O incremento significativo do desemprego no conxunto do estado deixa ao 46.12% da mocidade fóra do mercado de traballo. Fóra significa desempregada, ou tamén sometida a condicións incalculábeis de explotación no mercado “negro”  que os óculos estatísticos do Capital obvian. En agosto, e no conxunto do verán, o mercado dos servizos absorbe unha cota grande de man de obra, xuvenil e escrava. 
En Galiza, o Capital taxa en cómputos fríos a nosa realidade colonial. As estatísticas rexistran 401.300 persoas de entre 16 e 29 anos, das que 166.100 están ocupadas; 68.800 desempregadas e 166.500 inactivas. Isto conforma un29,3% de desemprego xuvenil, 1.8 puntos sobre o ano anterior. Dito doutra maneira: o incremento do desemprego, elemento principal de violencia estrutural do Capital no ámbito do traballo, revélase unha realidade para cada vez máis traballadoras e traballadores mozas/os do noso País. Tamén, visibilizamos o éxito das reformas do mercado de traballo que prometían rematar coa precariedade laboral: sobre estes cálculos 66.900 contratos son indefinidos (2.700 menos do que entre xaneiro e marzo) e 77.100 sono temporais (1.900 máis). O paradigma da flexiseguridade gaña terreo. A mocidade obreira galega fica hipotecada. Hipotecada na súa vida privada, e mais tamén hipotecada pola súa falta de capacidade de resposta para o agora.
Evidentemente, algo queren agocharnos nestes cálculos “fríos” nos que o Capital xoga ao “escondite inglés”. Di José Luis Brea “Non podemos agardar unha ideoloxía que evidencia as ambicións e intereses de dominación de quen a formula”. E as estatísticas ocultan o non insignificante dato da economía doméstica, a economía da reprodución da forza de traballo. Máis unha economía somerxida á que as mulleres están condenadas, á marxe dos salarios. As mulleres son as “amas de casa” ou no caso de integrárense na economía “produtiva”, son as duplamente explotadas, na casa, na oficina ou na fábrica. As estatísticas do Capital non darán conta, non, evidentemente, do subxugamento de máis do cincuenta por cento da poboación, suxeita no seu traballo á opresión de xénero e á violencia das ideoloxías sexistas. A esquerda parece ter aínda menos respostas para isto. Cómpre procurar as fórmulas da resistencia tamén dende o fogar.
Contra o Capital dignidade e reflexión na súa crítica. Contundencia na loita polo seu derrubamento. Agrávanse as condicións de explotación e opresión, e tamén de dominación colonial, nos tempos de crise do Capital. Un Capital que tenta emerxer da súa propia lama incrementando a presión e a tensión espoliadora sobre as clases populares. Temos a obriga de poñer en común nos espazos de debate para o pobo traballador todas as agresións, coñecidas, do monstro. Temos a obriga de transformar a realidade e realizarmos a proposta da sociedade que poña fin tanto á división do traballo (produtivo, reprodutivo) coma da propia existencia das clases sociais. A obriga, clara, de edificar os argumentos para a resistencia política. E de levar esa resistencia política ao espazo común e social. Á rúa.
Na mocidade revolucionaria, ADIANTE comezou neste camiño hai agora sete anos. E o afondamento da loita anticapitalista en chave marxista-leninista require facermos unha reflexión no conxunto da mocidade revolucionaria galega para repensar os mecanismos de resistencia dos que nos queremos dotar. Nós facemos a nosa honesta achega organizativa á construción dun futuro mellor que é noso, de todas e todos. Do conxunto do pobo traballador.
Foto: Reuters.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...